Hai uns días, publicabamos unha entrada sobre os cambios que Oracle 18c introduce a nivel de identificación de versionado e aplicación de parches.
Como é habitual, cada vez que aparece unha nova versión de Oracle, acudimos ás New Features para facer escolma das cousas que botabamos en falta en Oracle e que por fin chegan.
Coa chegada de 12c, vimos que Flex ASM nos aporta o que o seu nome xa parece querer indicar, flexibilidade á hora de xestionar o acceso a ASM por parte das instancias nun RAC. Deixou de ser necesario que unha instancia de base de datos teña no seu nodo local unha instancia ASM arrincada para poder acceder ó almacenamento. Así, 12c comezou a permitir que unha instancia de BD sobreviva á perda dunha instancia ASM (en local ou remota), non caendo, algo inevitable en versións anteriores. Tamén puidemos ver que, gracias ó emprego de ACFS como sistema de almacenamento, esta protección é extensible a bases de datos en versión 11.2.0.4, como podemos ver neste artigo de Sergio Menoyo.
Oracle 18c anuncia estender a flexibilidade e alta dispoñibilidade da Grid Infrastructure, introducindo a funcionalidade Zero Impact Patching. Que aporta o ZIP? A posibilidade de aplicar parches sobre a capa de Grid Infrastructure en modo rolling upgrade sen parada das instancias de base de datos no nodo intervido. Así, o parche aplicarase nodo a nodo parando a capa de clúster antiga, pero mantendo as instancias de base de datos, e polo tanto as conexións de usuarios, intactas.
Polo de agora non hai moita información técnica ó respecto, nin sequera na guía de instalación / upgrade de GI 18. Podemos ver información no blog oficial de Oracle, nesta presentación no Open World de 2017, ou no White Paper de presentación de Oracle 18. Desta información sabemos que a actualización da GI será out-of-place (novo GI_HOME co parche, como ocorría dende 11gR2 cos Patch Sets). O cambio implicará parar a capa GI antiga e arrincar a nova, e no proceso non se pararán as instancias de BD. Interesante, especialmente se esta funcionalidade se pode estender máis aló do parcheo, por exemplo, permitindo un reinicio da capa de clúster sen parada das instancias de BDs. Veremos coa liberación da versión 18c on-premise (no momento de escribir esta entrada só están dispoñibles as versións Cloud e Engineered Systems) e cos primeiros RURs as capacidades e posibilidades ZIP.